Code Noir

Portada do Code noir.

O Code noir (en francés Código Negro) é unha recompilación duns 60 artigos, promulgados en 1685, durante o reinado de Lois XIV. Foi publicado varias veces, especialmente no século XVIII. Reúne todas as disposicións reguladoras da vida dos escravos negros nas colonias francesas das Antillas (en 1685), da Güiana (a partir de 1704) e mais da illa Bourbon (en 1723). Serviu de modelo para outros regulamentos utilizados noutras colonias europeas. Así mesmo expulsaba os xudeus das colonias ultramariñas.

O 4 de febreiro de 1794, a Convención republicana revolucionaria decretou a abolición do escravismo, sendo aplicada no arquipélago de Guadalupe, mais non na Martinica, ocupada entón polos británicos, nin na illa de Reunión e na de Mauricio, pola negativa das autoridades locais. No 30 de floreal do ano X (1802), tales decretos foron anulados por Napoleón Bonaparte, repoñéndose o Code Noir. Até o 4 de marzo de 1848 non foi abolido o escravismo definitivamente, e o Code Noir foi "ipso facto" declarado caduco.


From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Nelliwinne